Saturday 04 de May de 2024

O número de alumnos que cursaron ciclos formativos na Escola Náutico-Pesqueira de Ribeira aumentou nun 50% nos últimos 7 anos


Rosa Quintana destacou a aposta decidida da Xunta pola formación marítimo-pesqueira e lembrou que este ano a Consellería do Mar destina máis de 2,5 millóns de euros aos centros de ensino náutico-pesqueiro e ás accións formativas en portos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, visitou esta mañá as instalacións da Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ferrol. Alí trasladou que o número de alumnos que cursaron ciclos formativos no centro aumentou nun 50% nos últimos 7 anos, pasando de 58 no curso 2009-2010 a 115 no 2015-2016.

A conselleira tamén fixo fincapé no aumento da oferta formativa regrada impartida no centro. Así, dixo que no curso académico 2015-2016 impartiuse o 1º e 2º curso do ciclo medio de ponte, ademais dos ciclos medio e superior de máquinas. No relativo á formación non regrada, destacou que o curso pasado se deron por primeira vez no centro de Ribeira cursos de certificado de mariscador e anunciou que no vindeiro curso se continuará co de mariscador e tamén se ofrecerá o de percebeiro e habilidades sociais.

Formación marítimo-pesqueira para toda Galicia
A conselleira tamén reiterou que, a maiores da formación ofrecida nos centros dependentes da Consellería do Mar, entre outubro de 2016 e novembro de 2017 a Xunta impartirá máis de 120 cursos nos diferentes portos de Galicia e na aula de seguridade de Ferrol.

Este tipo de formación, sinalou a conselleira, responde ás necesidades formativas do sector e a eles a Xunta destina arredor de 800.000 euros cofinanciados co Fondo Europeo e Marítimo da Pesca. Entre eles haberá cursos de mariñeiro pescador, de formación básica en seguridade, de patrón local de pesca, de formación sanitaria e de operador do Sistema Mundial de Socorro e Seguridade Marítimos Restrinxido (GMDSS). Tamén se contemplan cursos avanzados de loita contra incendios e de embarcacións de supervivencia e botes de rescate non rápidos.

Neste sentido, destacou a aposta decidida da Xunta pola formación e lembrou que este ano a Consellería do Mar destina máis de 2,5 millóns de euros aos centros de ensino náutico-pesqueiro e ás accións formativas en portos. O obxectivo, expuxo, é seguir mellorando a estrutura da formación como vía para avanzar no relevo xeracional e para dotar ao sector pesqueiro, marisqueiro e acuícola de sustentabilidade e competitividade.

A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira
A Escola Oficial Náutico-Pesqueira de Ribeira é un dos catro centros de ensino da Consellería do Mar nos que se imparte formación regrada (ciclos formativos) e tamén formación non regrada (cursos que adoitan ser de menor duración e que se imparten atendendo ás necesidades formativas do sector nos centros e nos portos). Está homologada para impartir tamén cursos da Mariña Mercante.

Visita ás confrarías da Pobra, Palmeira, Ribeira e Aguiño
Ademais na xornada de hoxe a conselleira do Mar, acompañada pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, visitou a confraría de pescadores da Pobra do Caramiñal e ás 13:00 horas manterá un encontro coa de Palmeira. Pola tarde, ás 16:30 horas visitará a confraría de Ribeira e manterá unha xuntanza cos seus representantes e ás 18:30 horas fará o mesmo na confraría de pescadores de Aguiño. O obxectivo destes encontros é coñecer de primeira man as súas necesidades.